Máis de 150 xoguetes antigos, algúns con máis dun século de historia, forman parte da exposición “Volve vivlilos”, aberta ao público no Multiúsos da Xunqueira. As pezas forman parte da colección privada de José Luis Rafael e de Juan Manuel Alfaya. O obxectivo dos organizadores é chegar “a todo tipo de público” cunha mostra “participativa”. Organizan visitas guiadas onde o público pode manipular uns xoguetes que entusiasman “a grandes e pequenos”.
Juan Manuel Alfaya explica que teñen especial interese en compartir esta mostra “con aquelas persoas que teñen necesidades especiais”. Tamén coas persoas maiores, que están a gozar coas pezas máis antigas. Os artífices desta mostra queren que non sexa a típica exposición “contemplativa” senón que sexa “participativa e inclusiva”. Por iso organizan visitas guiadas nas que o público pode manipular algúns dos xoguetes e interactuar con eles. A mostra inaugurouse a comezos de mes e estará aberta ata o o día 30. A resposta do público está a ser moi positiva, tanto por parte dos máis maiores, que lembran con nostalxia os xoguetes da súa infancia, como por parte dos nenos. Os máis pequenos, afeitos a modernos xoguetes tecnolóxicos, quedan abraiados coas antigas pezas de follalata e os seus movementos. Os xoves e venres, a partires das 19.00 horas organízanse visitas guiadas, con demostracións en vivo, pero pódense concertar noutra hora da, sempre de balde, no teléfono 659 660 240. Interveñen na organización desta mostra, ademáis do Concello de Redondela e os donos dos xoguetes, a restauradora Estrella García e “Cuchi” Carreira, responsable das proxeccións audiovisuais.