O Estudantil da Estrada será este sábado o rival do actual campión da Copa Deputación. Os de Marcos Montes pelexarán pola súa cuarta copa consecutiva no campo do Lourambal, no Porriño. O club busca revalidar un título ao que dan “moita importancia”.
O presidente do club, Iván Crespo, explicou que nesta última semana estudaron ao rival, advirte que os da Estrada non serán un equipo fácil de vencer, pero asegura que o Choco pelexará “con todas as súas armas” para facerse coa copa. A Copa Deputación de fútbol contou este ano coa participación de 113 equipos de Terceira División, Preferente, Primeira, Segunda e Terceira Autonómica, é dicir, seis máis que na edición de 2017. Na zona Norte participaron 61 equipos, dous de Terceira División, oito de Preferente, once de Primeira Autonómica, 18 de Segunda Autonómica e 22 de Terceira Autonómica. Na zona Sur foron 52 equipos os que competiron na Copa, concretamente dous equipos de Terceira División, sete de Preferente, seis de Primeira Autonómica, trece de Segunda Autonómica e 24 de Terceira Autonómica.