Os asistentes ao festival Millo Verde, celebrado esta pasada fin de semana, tiveron que soportar o cheiro pestilente das algas acumuladas nas inmediacións do areal. Desde a Asociación de Veciños de Cesantes remitiron denuncia ao servizo de Costas e Seprona, e advirten que acudirán á vía xudicial “ante a falta de solucións por parte do Concello”.
O presidente do colectivo, Fernando González, lamenta que levan xa “moito tempo” denunciando esta situación. As chuvias anegan os espazos habilitados polos servizos municipais para depositar as algas que retiran do areal, e logo o sol fai que estes residuos emitan un cheiro “insoportable” para os residentes na zona e tamén para os numerosos usuarios do paseo da praia da Punta, aos que esta fin de semana se sumou o público asistente ao festival Millo Verde. Unha situación “intolerable” para González, que lamenta que unha praia con distintivo de Bandeira Azul manteña acumuladas estes residuos, cando noutros Concellos se retiran a diario. A asociación veciñal denuncia non só a acumulación dos residuos, senón tamén o xeito en que as algas se recollen da praia. Critican que se utilicen maquinaria de gran tonelaxe, cun tractor que recolle as algas do areal “arrastrando o cazo pola praia”. Deste xeito non só se retira o manto vexetal mariño, senón tamén area da praia e pedras cun método “que está prohibido”, segundo o representante veciñal. Ademais, cando o tractor traslada a carga ao lugar de almacenamento, faino subindo polo balado de terra “coa conseguinte degradación do areal”. A Asociación de Veciños de Cesantes entende que esta xestión da praia de Cesantes “é intolerable”, sinalan que levan anos demandando unha solución e, ante a falta de resposta por parte do Concello, advirten que levarán as súas denuncias ao servizo de Costas, o Seprona “e mesmo á vía xudicial”.