Os usuarios de Vitrasa que non están empadroados na cidada olívica aínda non recibiron a tarxeta PassVigo, que permite viaxar no bus urbano cun prezo reducido. O servizo que xestiona a tramitación dos cartóns en Vigo recoñeceu que os residentes noutros concellos “seguen outro trámite” polo que a emisión da tarxeta “se demora”. Os veciños de Chapela esixen que o alcalde de Redondela leve aos xulgados esta discriminación.
Malia que as medidas cautelares emitidas polo xulgado obrigan ao Concello vigués a “non discriminar aos usuarios pola súa residencia”, o certo é que os veciños de Chapela aínga non recibiron os cartóns. Son xa 50 días de espera desde que se tramitaron as primeiras solicitudes, pero a PassVigo aínda non chegou ao domicilio dos usuairos. Ángela Méndez, da Asociación de Veciños de Chapela, denuncia que o Concello de Vigo tne “paralizada” a emisión dos cartóns de transporte urgano para os veciños da área metropolitana “que non están empadroados en Vigo”. Nas oficinas municipais da cidade olívica onde se xestiona o trámite recoñecéronlle que os solicitantes que non son vigueses “seguen outro procedemento”. Así, mentres os que están empadroados en Vigo reciben a tarxeta en “2 ou 3 semanas”, o resto levan agardando case dous meses sen ter resposta. Isto supón un grave prexuízo para os usuarios do Vitrasa, que deben pagar o billete a 1,35 € en lugar do prezo reducido de 0,89. A asociación de veciños vén de solicitar ao alcalde Javier Bas que, como denunciante no contencioso ante Vigo, leve ao xulgado esta situación, cun listado dos usuarios redondeláns que solicitaron a tarxeta e aínda non a recibiron. Solicitan aos veciños que non fixeron as solicitudes a través do Concello de Redondela, e foron directamente ao Concello de Vigo ou ás oficinas de Vitrasa, a que lle faciliten os datos da súa solicitude e a data na que a fixeron. Poden facerlle chegar esta documentación na caixa de correos do local da A.VV. de Chapela, na rúa Oliveira, 1, ou no enderezo electrónico avvchapela@gmail.com. Desde o goberno local de Redondela seguen coa vía xudicial, e presentarán outro recurso para solicitar que se faga efectivo o auto e se emitan os cartóns no menor tempo posible.