A dureza da proba e a paisaxe son os dous principais atractivos desta travesía que celebra este sábado a súa sétima edición. Vinte e sete quilómetros entre as Illas Cíes e a Illa de San Simón que se consolida como unha das probas de referencia no ámbito nacional e que contará con nadadores de renome como o olímpico Juan Carlos Vallejo ou a nadadora Tita Llorens, que acumula tres intentos de unir Baleares coa península a nado.
Os participantes saltará á auga ás nove da mañá dende as Illas Cíes divididos en cinco grupos dependendo do ritmo de nado. A previsión é que os máis rápidos cheguen a San Simón ás catro da tarde e terán como tempo máximo para completar a travesía dez horas, como explicaba Aitor de Luís, da Asociación Deportiva Illas Cíes-San Simón, promotora deste evento deportivo. Nesta edición participarán preto de cen nadadores, todos eles con longa experiencia como Juan Carlos Vallejo que participou nos Xogos Olímpicos de Moscova e Os Ánxeles e a menorquinaTita Llorens, que foi elixida o ano pasado como mellor nadadora do mundo na categoría de augas abertas. Participantes de toda España pero tamén de Alemaña, Francia e Reino Unido. Unha proba que se consolida como un referente neste tipo de travesías, en palabras do concelleiro de Deportes, Julio Mougán, e que sitúan a Redondela no mapa de España desta modalidade deportiva. A súa dificultade, con augas a temperaturas inferiores a 15 graos, as correntes e a meteoroloxía, así como a paisaxe, saír da praia de Rodas e nadar pola enseada de San Simón son os principais reclamos da Batalla de Rande. A seguridade dos nadadores é un dos aspectos que máis se coida desta competición, así cada un dos participantes levará un xeolocalizador e cada grupo irá acompañado por dúas embarcacións, kaiaks, e haberá barcos médicos. Unha iniciativa que naceu como un proxecto de tres amigos e no que a día de hoxe participan 150 persoas entre organización, voluntariado e seguridade. Este ano contan por primeira vez co apoio económico da Xunta. O Xefe Provincial de Deportes, Daniel Benavides, destacaba a importancia desta cita non só no deportivo senón como fonte de atracción turística e promoción do municipio.