A Asociación de Veciños de Chapela celebra este domingo a XIII Marcha Popular polas marxes do río Fondón, un espazo natural de gran beleza e que conta cun importante patrimonio natural e etnográfico. Ás espectaculares vistas súmanse a flora e fauna propia dos ríos galegos, ademais de fervenzas, muíños e pontes. A xornada rematará cun xantar na área de descanso Chan da Lagoa.
A andaina comezará na Senda da Auga e rematará no nacemento do río, unha contorna natural que comparten as parroquias de Chapela e Trasmañó. Ángela Méndez explica que se habilitarán coches para levar o xantar e así facer a marcha “máis lixeiros” e que tamén aquelas persoas que teñan problemas de mobilidade poden desprazarse ata Chan da Lagoa en vehículo e sumarse alí ao xantar, para gozar dunha xornada de convivencia veciñal. Tamén haberá xogos e actividadedes para todos os públicos. Con esta marcha pretenden dar a coñecer este entorno “privilexiado e esquecido” e demandan a súa posta en valor. Logo de varias xornadas de limpeza organizadas polos propios veciños, fan un chamamento ao Concello de Redondela “para que o manteña en boas condicións”. A saída está prevista ás 10.00 horas desde o local da A.VV. na rúa Oliveira, 1.