Correr, escalar, nadar, andar en bicicleta, saltar ou levantar pesos de ata 500 quilos. Estas son algunhas das probas ás que se enfrontan os deportistas que practican crossfit, e o equipo de Redondela vén de facer historia ao convertese no primeiro grupo español que se clasifica para os Crossfit Games, nos EEUU. O gañador está considerado “o deportista máis completo do mundo”.
O equipo, con sede en Redondela, está formado por Sara Fernández, Alba Estrada, David Mata e Pepe Navarro. Participaron nos Meridian Regionals 2018 e acadaron un resultado espléndido, coa cuarta posición, empatados a puntos co terceiro equipo. E confían en conseguir a terceira praza logo de que o xurado descalificara aos gañadores da cita, celebrada en Madrid a comezos de mes. O equipo, Crossfit Norte Redondela, foi recibido onte no concello polo edil de Deportes, Julio Mougán, e a tenente de alcalde, Carmen Amoedo. Alí explicaron en que consiste este deporte, que engloba resistencia, forza física, flexibilidade, potencia e equilibrio. Na competición poden enfrontarse a calquera proba. O equipo galego, con sede en Redondela, chegou aos Meridian Regionals 2018 no primeiro lugar do ranking como líderes do grupo da rexión Sur Europa. Agora competirán na primeira semana de agosto, en Madison (Wisconsin), na proba mundial. Alba Estrada, viguesa, e Sara Fernández, madrileña, residen en Arcade e rexentan o ximnasio Crossfit Norte Redondela. A elas uniuse o santiagués David Mata e o ilicitano Pepe Navarro. Sara e Alba explican que elixiron Redondela para establecer o seu negocio porque está “a medio camiño entre Vigo e Pontevedra”, e contan con clientes de toda a bisbarra. Ademais valoran “a calidade de vida” que teñen neste municipio, xa que fuxen das cidades.