Hoxe é Xoves 28 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Festival Folk Illa de San Simón celébrase en Cesantes coincidindo coa noite de San Xoán

RR_Noticias

Esta cita cultural, organizada polo grupo de baile e gaitas Airiños de San Simón do C.C.D. de Cesantes, contará con actuacións musicais para toda a familia, así como coa tradicional fogueira e con comida e bebida a prezos populares. A cita arranca ás 21.30 horas na Curva do Murallón. Nelson Quinteiro, as Punkiereteiras e a Fanfarria Furruxa porán o espectáculo.  

Na novena edición do festival a música comezará cunha proposta para os máis pequenos da man de Nelson Quinteiro e o seu espectáculo “As nosas músicas”, co que se achega á tradición instrumental e vocal da terra. Victoria Amoedo, da organización do evento, avanza que será unha actuación “divertida e moi participativa” cunha posta en escena “perfecta” para comezar unha noite especial en familia. O momento máis reivindicativo chegará coa actuación das Punkiereteiras, grupo de Ponteareas formado integramente por mulleres comprometidas coa igualdade que traballan na loita contra as inxustizas de xénero. Trátase dunha aposta do Festival Folk Illa de San Simón coa que defender que o avance “se conxuga en feminino”. O cartel musical da noite máis curta do ano pechará coa actuación da Fanfarria Furruxa, grupo de Caldas de Reis con moito ritmo que mestura o folk galego e as gaitas con outros estilos e instrumentos. Coma cada ano haberá tamén unha barra con bebida e comida a prezos populares coa finalidade de reunir fondos que irán destinados integramente a cubrir os gastos xerados polo propio festival. Do mesmo xeito a organización venderá camisetas da novena edición cun novo deseño, en homeanxe ás mariscadoras e a todas as mulleres. Tamén se venderán, a prezos populares, herbas de San Xoán e auga de sete fontes da parroquia de Cesantes, para cumprir coas tradicións desta noite. En canto á fogueira, dende a organización do evento están solicitando a toda a veciñanza que respecte as normas e que non bote no lugar materiais que non poidan ser queimados, coma lixo ou mobles de madeira pintados ou vernizados. Nesta novena edición propoñen un festival máis humilde que en anos anteriores a nivel técnico, pero que será igualmente “atractivo e festivo” para os centos de persoas que cada 23 de xuño deciden celebrar en Cesantes o San Xoán. A organización resérvanse para a vindeira edición, cando celebran o seu décimo aniversario. En 2019 desligarán o Festival Folk Illa de San Simón coa celebración do San Xoán, xa que non caerá en fin de semana, e volverán organizalo na praia de Cesantes. Amoedo avanza que será unha celebración “especial” tras unha década traballando a prol da música folk.      

Victoria Amoedo organización
Un completo programa musical para toda a familia.
Xantar e auga de San Xoán
Haberá cantina para mercar comida e bebida a prezos populares. Tamén auga de sete fontes e herbas de San Xoán.
Próxima edición
A organización xa pensa na décima edición do certame. Non coincidirá co San Xoán e celebrarase na praia de Cesantes.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará