A deputada Digna Rivas fixo hoxe balance dos cartos investidos no municipio pola institución provincial que sumou seis millóns de euros entre o Plan Concellos e o investido polo resto das áreas. Investimentos que permitiron a contratación de 74 persoas, en palabras de Rivas, que establece como prioridade de cara o futuro o remate do aparcadoiro de Chapela.
A deputada de Cohesión Social e Xuventude visitou este mércores Redondela para presentar o investimento que fixo a Deputación de Pontevedra no municipio desde 2015. Unha cifra que segundo apuntaba ascende a seis millóns de euros, boa parte deles procedentes do Plan Concellos que contou este ano cunha inversión de 42 millóns de euros e se divide en tres liñas de axudas: investimento, amortización e emprego. Os fondos están destinados a todos os concellos da provincia, agás os de Vigo e Pontevedra, cos que a Deputación asina convenios. A distribución dos fondos entre os concellos calcúlase aplicando criterios como a poboación, a superficie, os núcleos de poboación e a densidade de cada municipio. Rivas tamén establecía como unha das actuacións prioritarias para a institución provincial a finalización do aparcadoiro de Chapela.