Os traballos de humanización da avenida de Vigo ao seu paso pola parroquia estanse a realizar dende abril do pasado ano. A conselleira de Infraestruturas aproveitaba a súa visita a Chapela para anunciar o inicio da construción dunha pasarela metálica na ponte dos Pasais e a humanización da avenida Mendiño, cuxo proxecto xa está en contratación. Ethel Vázquez subliñaba que “os veciños de Chapela xa dispoñen dunha vía máis accesible e segura”.
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, e o alcalde de Redondela, Javier Bas, visitaron este luns as obras de humanización da avenida de Vigo que contan cun investimento de 2,3 millóns de euros.
O proxecto consistiu na reurbanización da rúa nun treito de 1 km, coincidindo coa zona do mercado e da alameda, para favorecer e facer máis compatible o tránsito peonil e rodado neste treito.
A conselleira explicou que para acadar este obxectivo, mellorouse a intersección que leva á factoría de Pescanova para facilitar a saída e entrada dos camións ás industrias en condicións máis seguras e ampliáronse e renováronse as beirarrúas para favorecer os desprazamentos de veciños e visitantes nunha zona que alberga gran número de establecementos comerciais. Tamén se aproveitou a actuación para renovar a totalidade dos servizos urbanos como abastecemento, saneamento, canalizacións de luz e teléfono.
Ethel Vázquez engadía que o bo avance das obras permitiu acurtar prazos, adiantando ao verán de 2018 a súa finalización, prevista inicialmente para o mes de novembro.
Outras actuacións
A conselleira aproveitaba a súa visita a Redondela para avanzar que nas próximas semanas comezarán as obras de construción dunha nova pasarela metálica pegada á ponte dos Pasais, pola marxe dereita da estrada autonómica que vai a Ponte Caldelas, a PO-250, o que permitirá completar un itinerario peonil continuo no tramo urbano da vía. Obra que contará cun investimento de 164.000 euros e que a Xunta prevé estea rematada en outono.
Vázquez afirmaba que esta actuación xunto ao acondicionamento da contorna do Peto das Ánimas, coa colocación de pavimentación en lousa de granito, ademais de facilitar os desprazamentos a pé, facendo esta zona máis transitable, “contribúen á posta en valor dun elemento patrimonial de grande interese”.
A conselleira anunciou tamén a humanización da avenida Mendiño, coa redacción do proxecto construtivo xa en contratación. A finalidade desta actuación é ordenar o tráfico, o tránsito peonil e os aparcadoiros para facer a rúa máis accesible e máis segura.