Usar a auga das precipitacións para a limpeza de rúas, lavadoras e inodoros ou reutilizar as augas residuais urbanas para a rega de xardíns e extinción de incendios son algunhas das propostas que recolle unha moción promovida pola Plataforma en Defensa da Ría de Vigo e que vén de recibir o visto e prace de todos os grupos da corporación.
Segundo os datos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación no século XX o consumo de auga incrementouse a un ritmo dúas veces superior ao da poboación mundial malia a diminución dos recursos hidrolóxicos por mor do cambio climático. Segundo apuntan dende a Plataforma o consumo de auga potable por habitante e día é de mil litros nos países máis desenvolvidos porén consideran que é necesario un uso sustentable deste recurso natural a través da posta en marcha de medidas que reduzan o seu consumo. Destacan que boa parte da auga que consumimos diariamente non ten que ser potabilizada como é o caso da que empregamos para as lavadoras, descargas de inodoros, limpeza de rúas, rega de xardíns ou extinción de incendios e suporía un aforro do 45% da auga potabilizada que usamos. Países do centro e o norte de Europa xa puxeron en marcha medios para o control dos recursos hídricos coa instalación de sistemas de aproveitamento das augas pluviais nos tellados das casas e edificios. O obxectivo é manter a auga na súa orixe, encoros e mananciais, conseguindo reservas para afrontar períodos de seca como os vividos a comezos deste ano.Para conseguilo consideran que a Xunta de Galicia debe modificar a Lei de Augas para fomentar o aproveitamento das augas pluviais de xeito gratuíto, que se obrigue a dotar as novas vivendas da instalación mínima necesaria para a redución do consumo de auga, aproveitamento das pluviais e reutilizables sen necesidade de tratamento. Ademais de que o custe da auga do sistema público de abastecemento sexa por consumo e que as administracións, concellos portos fagan uso das augas tratadas polas EDARS para o baldeo de rúas, rega de xardíns, fontes ornamentais con circuítos pechados, ou calquera outro uso compatible.