Non só aprender senón tamén achegarse dun xeito lúdico á música, é o que fan os máis de 200 alumnos da Escola de Música de Chapela, que ten aberto o prazo de matrícula para o vindeiro curso até o 31 de xullo. Oboe, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, gaita, violín, acordeón ou voz son algunhas da vintena de ensinanzas musicais que ofertan dende os 0 anos e sen límite de idade.
Desde a formación para futuros profesionais, coa preparación da proba de acceso ao conservatorio, até a aprendizaxe afeccionada para o desenvolvemento persoal e a interpretación colectiva, son as posibilidades que ofrece a Escola de Música de Chapela, que pasou dos pouco máis de trinta membros aos inicios, a superar os douscentos na actualidade. Como cada ano, os máis pequenos tamén terán a oportunidade de achegarse á música o próximo curso coas “The Music Class” onde os rapaces até os cinco anos acompañados por un adulto xogan, cantan e bailan en inglés. Entre os tres e os cinco anos, os cativos achéganse á música a través do xogo e os obradoiros musicais o que permite o desenvolvemento das actividades expresivas, musicais e motrices. A partir dos seis anos xa se centran na lectura musical e no instrumento que escollan. Os alumnos tamén teñen a posibilidade formar parte dos grupos musicais da escola como a Banda de música, os grupos de cámara, coro, gaita ou pandeireta, amosando o aprendido durante o curso. Este ano, como novidade, presentan un novo método de ensino dixital adaptado a cada alumnos, ademais da introdución das pizarras dixitais como medio material para impartir as clases e tamén unha modalidade próxima á musicoterapia.