A Concellería de turismo vén de publicar novos recursos que buscan facilitar aos visitantes o coñecemento da vila e a contorna. Coincidindo coa nova localización e imaxe da oficina de turismo, póñense a disposición das persoas que se acheguen polas novas instalacións (no antigo edificio do conservatorio), estes novos recursos en forma de mapa e rueiro, para dar a coñecer máis en profundidade tanto os valores turísticos como os culturais e patrimoniais.
O rueiro Redondela baixo o título “Descubre Redondela” amosa nun despregable a cor desde os primeiros datos sobre a orixe da vila, pasando polos puntos de interese máis relevantes para o visitante e acompañado de fotografías históricas comentadas. No reverso atópase un rueiro detallado con case trinta puntos de interese destacados e explicados, así como coloreados por zonas e barrios.
“Coñecendo Redondela” é un plano que abarca ademais todas as parroquias dentro das vías de comunicación, lugares de interese, situados e comentados , unha explicación da situación xeográfica do municipio e unha serie de items explicando a realidade do municipio. Con moitas imaxes e teléfonos de interese.
Estes dous novos recursos “veñen completar os xa existentes, sobre a illa de San Simón, o cemiterio dos Eidos, o museo de Meirande ou a colección permanente de Sargadelos” explican dende a Concellería. “Redondela completa así unha oferta de información e guía, que pon en valor e destaca o mellor desta terra, actualizando as informacións e incluíndo novos datos”.