750 metros a nado, 20 km en bicicleta e 5 km correndo, serán os que teñan que superar os participantes desta cita deportiva que se celebrará o domingo. A competición comezará ás doce da mañá na praia de Cesantes con meta na Alameda de Redondela. Durante a celebración da proba pecharase o tráfico no casco urbano e na PO-250 que comunica o casco urbano con Reboreda dende ás 11.30 horas e até as dúas da tarde.
A espectacularidade do percorrido é un dos alicientes desta proba que partirá desde a praia de Cesantes ás 12.00 do mediodía. Os triatletas nadarán pola Enseada de San Simón até o peirao onde terán que coller a bicicletas para facer 20 quilómetros en catro voltas que pasarán polo casco urbano e o Centro Cultural de Reboreda. A terceira proba será correndo, tres voltas con saída e chegada no estacionamento da Alameda. Un percorrido que os organizadores destacan pola súa espectacularidade e vistosidade xa que se poderá gozar das tres disciplinas deportivas sen ter que desprazarse. Unha modalidade deportiva en auxe, que cada vez ten máis adeptos o que se reflicte nos moitos participantes que se federaron por tan só un día para participar na proba, segundo explicaba Óscar Surís, presidente da Federación Galega de Triatlón. A proba contará con 161 participantes, entre eles triatletas recoñecidos como Aída García, do Triatlón Rías Baixas, que parte como favorita na categoría feminina. A masculina estará máis disputada e previsiblemente a loita estará entre Marcos Vila, do Natación Pavillón Ourense, Alexandre Rodríguez do Triatlón Morrazo, Nicolás Domínguez ou Fabían Ubeira do equipo local. Aproba ciclista será a máis esixente polo que a celeridade á hora de coller a bicicleta será fundamental para gañar. Unha proba que organiza o concello de Redondela xunto á Federación de Triatlón, a Asociación Deportiva Car e Lodeco e que ten detrás moita loxística e organización que realiza un amplo número de voluntarios que fan posible o seu desenvolvemento. Durante a celebración da competición o tráfico estará cortado no casco urbano até o peirao de Cesantes así como a PO-250, estrada que comunica o casco urbano de Redondela con Pazos de Borbén. As restricións na circulación prevense entre as 11.30 da mañá e até as 13.45 horas.