O Concello de Pazos vén de pór en marcha a segunda fase do seu plan de recuperación e conservación do patrimonio. O proxecto ten como obxectivo recuperar antigas zonas de uso colectivo, como as fontes e lavadoiros, para darlles unha nova vida. Os traballos contemplan a restauración de cinco lavadoiros tradicionais en distintos barrios do municipio e comezaron esta semana no lavadoiro da Ermida, cuxa recuperación será financiada con medios propios do concello.
O plan municipal de conservación do patrimonio de Pazos de Borbén inclúe a restauración de cinco lavadoiros dividida en dúas fases: A primeira, xa realizada,na que se restauraron os de Amoedo e Moscoso, e unha segunda na que se traballará nas parroquias de Xunqueiras, Pazos e A Ermida, onde xa comezaron os primeiros labores de limpeza e rehabilitación.
Os traballos variarán segundo as necesidades de cada actuación e centraranse na recuperación dos principais elementos dos lavadoiros e a súa contorna. Ademais, eliminaranse os partes non recuperables substituíndoas por pedra do país, que será o material máis usado en todas as renovacións para garantir a súa integración coa contorna orixinal.
Tamén se limparán e renovarán todas as balsas de auga dos lavadoiros para evitar fugas ou filtracións. Por último, renovaranse as instalacións da rede de iluminación pública, que contará con novos elementos, e instalaranse todas as conducións necesarias para a rede de recollida de pluviais.
As actuacións encadradas no plan municipal para a recuperación do patrimonio histórico local de Pazos de Borbén tratan de recuperar puntos que servían tradicionalmente como lugar de encontro entre os veciños.