A calidade das augas en Soutomaior mellorará ostensiblemente grazas ao acordo alcanzado onte entre o presidente de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e os representantes da confraría de Arcade, Rita Míguez e Miguel Loira, para o investimento de 2,5 millóns de euros na adecuación das depuradoras de Comboa e Arcade. O proxecto será financiado ao 100% polo ente autonómico.
A reunión con Augas de Galicia solicitouse o pasado mes de xuño tras o encontro entre os representantes do sector marisqueiro e o alcalde de Soutomaior no que se acordou trasladar ao ente autonómico as necesidades da rede de saneamento municipal e a importancia de protexer ao sector pesqueiro e marisqueiro para a economía local.
Rede de alarma de Eiras
Aproveitando o encontro, o presidente de Augas de Galicia trasladou ao alcalde de Soutomaior a necesidade de atopar unha solución consensuada para a localización das antenas de megafonía da rede de emerxencia da presa de eiras. Por último, o presidente sinalou que técnicos de Augas de Galicia xa mantiveron contactos con integrantes da asociación de veciños do barrio do Conde para estudar diferentes localizacións dos postes e que supoñan a mínima molestia para a veciñanza.