A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, asinou onte acordos con varios Concellos da provincia para facer fronte aos danos producidos polos incendios de outubro do ano pasado. A Administración autonómica destinou en total 23 millóns de euros a paliar as consecuencias dos incendios: 13,2 millóns de euros mediante a orde conxunta de axudas e 9,8 millóns en actuacións directas.
Os convenios de colaboración cos municipios da provincia contemplan axudas da Xunta que financiarán ata o 50% da reparación dos danos que se ocasionaron nas infraestruturas municipais durante a vaga de lumes do pasado mes de outubro. En toda Galicia, o número de concellos beneficiados por esta iniciativa ascende a 40. No caso da provincia da Pontevedra, son 15. Ademais de Soutomaior e Pazos de Borbén están: Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Mondariz Balneario, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, A Cañiza, As Neves, Ponte Caldelas, Baiona, Mos e Vigo. O importe de cada convenio foi calculado en función da información facilitada polos propios concellos, e a comprobación técnica in situ para determinar se eran ou non gastos subvencionables. Esta convocatoria conxunta do Goberno galego habilitou axudas para poder paliar os danos causados pola vaga de lumes nun amplo abano de supostos, como a de afectación a bens de titularidade municipal; pero tamén a vivendas, negocios e por danos persoais.