Xoga, a Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia, organiza en colaboración co Concello de Redondela o “I Encontro Social” entre persoas con discapacidade sensorial e persoas oíntes que saben lingua de signos. Será este domingo, 5 de agosto, cunha xornada cargada de actividades onde os participantes nos cursos de lingua de signos poderán interactuar con persoas xordas, mentres que as persoas con discapacidade auditiva poderán gozar dun día de actividades “sen barreiras”.
María Jesús Monterde, presidenta da asociación, explica este dobre obxectivo das xornadas, nas que se pretende “normalizar” a vida das persoas con discapacidade sensorial, integrándoas en todo tipo de actividades. Un total de 50 persoas xordas e outras tantas oíntes que coñecen a lingua de signos completaron en poucas horas o total de prazas dispoñibles neste primeiro encontro. Visitarán a Illa de San Simón cunha viaxe en barco dende o porto de Cesantes. Visitarán a illa con varias guías e intérpretes de lingua de signos para coñecer a súa historia. Logo realizarán un xantar no Monte da Miñoteira onde organizarán actividades lúdicas ao longo da tarde. Monterde salienta tamén a implicación do Concello de Redondela, que desde hai meses está a facer un esforzo “real” pola integración das persoas con discapacidade sensorial, implementando políticas “reais” e realizando cursos de formación en lingua de signos que están a ser todo un éxito. Está previsto que no mes de setembro se poñan en marcha novos cursos tanto para adultos como para nenos. Desde Xoga animan tamén ás persoas interesadas en participar no “I Encontro Social” a que se inscriban xa que, malia que as prazas están cubertas, poderían quedar vacantes no caso de darse algunha baixa.