A Asemblea Feminista de Redondela fai un chamamento á cidadanía e ao Concello para que “reflexione” sobre os artistas elixidos para actuar na festa que se celebra o 18 de agosto. Apuntan que as letras de intérpretes como Henry Méndez ou DKB “El Rey del Party” son “denigrantes e ofensivas para as mulleres”.
O colectivo colgou nas redes sociais un comunicado no que lamentan a decisión do Concello de Redondela, ao incluir na programación do Entroido de Verán a estes grupos. Rexeita a elección destes cantantes e demandan aos responsables municipais “que revisen as letras dos seus temas e valoren sen son axeitados”. Débora González explica que lonxe de fomentar valores de igualdade e respecto, os seus temas son “machistas” e reducen o papel da muller ao dun “obxecto sexual”. Sinalan desde Paxaretas que o machismo “non só son as agresións sexuais, o maltrato ou o acoso” tanto no ámbito doméstico como no público, senón tamén as letras das cancións “que degradan ás mulleres” como é o caso das que interpretan Henry Méndez ou DKB. González lamentan “a incoherencia” do goberno redondelán, que por unha banda apoia a moción do grupo feminista para condenar aos membros de “La Manada”, e por outra inclúe na programación municipal de verán artistas que fomentan o machismo. Desde a plataforma feminista agardan “unha rectificación” por parte do Concello, e dubidan se os responsables municipais “descoñecen a temática destas letras” ou se ben entenden que o contido destas cancións é algo que debe “normalizarse”.