A Deputación de Pontevedra aproba hoxe o financiamento para os proxectos de saneamento de tres camiños de Chapela (Mouriño, Paparoxo e Subida a Rabexa) así como a renovación das redes de saneamento e abastecemento da rúa Patrimonio. Os traballos ascenden a máis de 266.000 euros.
As obras, segundo a deputada redondelá Digna Rivas “son moi esperadas polos veciños”.
No primeiro caso do saneamento dos camiños de Mouriño, Paparoxo e Subida Rabexa, o proxecto será financiado pola Deputación cunha achega de case 183.000 euros. As obras consistirán na substitución do colector de formigón actual e a instalación de dous novos colectores, un de augas fecais e outro de pluviais. Instalaranse pozos, rexistros e acometidas. Logo restituirase o firme e reporanse os servizos afectados. No caso da rúa Patrimonio, onde se renovarán as redes de saneamento e abastecemento, o ente provincial aproba outra achega superior aos 83.000 euros para a renovación íntegra da rede de abastecemento. Mellorarase a canalización existente coa substitución da tubaxe actual por outra de polietileno de alta densidade, novas válvulas e novas acometidas. Tamén se levará a cabo a renovación parcial da rede de saneamento de augas fecais, que se atopa en mal estado polo constante paso de tráfico pesado. Substituirase a tubaxe existente de PVC corrugado por outra de PVC de parede compacta. Con estes novos investimentos, Redondela ten xa aprobados máis de 737.000 euros do Plan Concellos deste exercicio 2018.