O noso concello é o segundo da provincia en número de hectáreas cultivadas con viñedos. Un recurso escasamente explotado xa que a maior parte do produto destínase a autoconsumo. Co obxecto de poñer en valor todas esas plantacións dende a Asociación Galega de Viticultores animan aos produtores a achegarse a unha reunión que se celebra este xoves 6 ás 19:00 horas no Multiúsos da Xunqueira. Explicaráselles alí que xestións deben facer para entrar a formar parte dos máis de 25.000 produtores englobados baixo a Indicación Xeográfica protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo.
O novo selo de calidade Ribeiras do Morrazo funciona dende hai uns meses e permite aos produtores desta caste autóctona comercializar o viño baixo esta marca ou venderllo a aquelas adegas que queren crecer coa promoción deste produto. Estímase que a superficie produtora de uvas para a IXP Ribeiras del Morrazo roldaría as 1.500 hectáreas nos concellos de Poio, Marín, Pontevedra, Vilaboa, Moaña, Bueu, Cangas e Redondela, sendo o noso o segundo concello con máis superficie en parcelas de viñedo con 476 hectáreas cultivadas. Os requisitos pasan por rexistrar a parcela no Rexistro Vitícola Galego e confirmar que a caste autóctona cultivada está incluída dentro das autorizadas pola IXP. De feito, para a elaboración destes viños a variedade de uva máis representativa é a de albariño, pero tamén son admisibles godello, loureira ou treixadura entre outras. Para informar de todo isto e animar aos veciños a se rexistrar este xoves terá lugar unha charla informativa a cargo do Inxeñeiro Agrónomo, Xan Bautista, quen se encargará tamén de asesorar aos interesados todos os xoves en horario de 12:00 a 14:00 horas no Multiúsos. Insiste en que calquera titular de viñedo debería informarse independentemente do tamaño da parcela que teña porque ademais trátase dunha xestión completamente de balde.