O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, abriu o curso de ESO e Bacharelato no novo centro de Soutomaior, un dos poucos municipio galegos que crece en poboación. O alcalde, Agustín Reguera, falou dun día “histórico” para o Concello. O seu director, Modesto Campos, salientou “o reto” de poñelo en marcha e a implicación do profesorado.
O curso 2018-19 comezou onte con grandes novidades no mapa educativo de Soutomaior. Tras a chegada dos alumnos de infantil ao CEIP Padin Truiteiro a semana pasada, hoxe o novo instituto público foi o escenario escollido para o inicio oficial do novo curso escolar de ESO e Bacharelato en Galicia. O acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, entre outros responsables da administración local e autonómica. Máis de 300 rapaces comezaron no novo centro o curso académico, o primeiro no que no que os alumnos de Bacharelato xa non terán que desprazarse fóra do municipio para cursar os seus estudos. O director do IES Soutomaior salientou a implicación dos 32 mestres do centro na tarefa que teñen por diante, a de educar a eses rapaces, “todo un reto e unha responsabilidade” segundo Modesto Campo. Para o director a a relación entre o profesorado e o alumnado é “fundamental”, unha relación na que ambas partes aprenden. Campos amosouse satisfeito de ter superado o obxectivo de poñer en marcha o novo instituto, e poder comezar onte as clases. Un traballo duro no que se implicaron administracións e traballadores. Campos agradeceu o esforzo do profesorado e do equipo directivo, “que quedou sen vacacións para poñer o IES en marcha”, así como do Concello e a Consellería de Educación. Non foi unha tarefa doada, e tamén houbo aspectos negativos no proceso. Modesto Campos lamentou a falta “dunha guía” para a dirección do centro nunha tarefa tan complexa. Coñecedor do esforzo que supuxo facer realidade o novo centro, o alcalde Agustín Reguera afirmou que esta inauguración é algo “moi especial” para o Concello, xa que “transforma a estrutura educativa de Soutomaior”. E amosouse moi satisfeito de que por primeira vez os alumnos de Bacharelato non teñan que desprazarse fóra do municipio “o que lles aforrará tempo e cartos”. O alcalde amosouse “moi ilusionado” por estrear un instituto “moderno, eficiente e ecolóxico”. Reguera falou da “importancia da mocidade” en Soutomaior, un dos poucos municipios galegos cun saldo vexetatitvo positivo, e salientou a preocupación do goberno local tanto pola formación como polo ocio dos mozos. O alcalde tamén salinetou o esforzo do Concello para facer realidade o instituto, coa doazón da parcela de 23.000 metros cadrados onde se ubica, así como as obras de urbanización, cun orzamento de 450.000 euros. E agradeceu a implicación do profesorado do centro e o equipo directivo “que quedou sen vacacións este verán para conseguir que o instituto puidese comezar o curso”. Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijoo, falou da importancia desta inauguración, xa que se trata “do primeiro instituto na historia de Soutomaior “. Este curso comezaron no centro máis de 300 alumnos, pero as instalacións teñen capacidade para ata 480 rapaces. Unha boa nova para este municipio, dixo, xa que “investir en educación é investir en futuro”. Este novo centro vén a cubrir “unha débeda con Soutomaior”, segundo Feijóo, xa que xunto a remodelación do CEIP Padín Truiteiro, permite completar o ciclo formativo dos rapaces no municipio desde os 3 ata os 18 anos de idade. Unha obra que é realidade grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello, e que evita que os alumnos de Bacharelato teñan que desprazarse a Redondela ou Pontevedra para realizar os seus estudos. O presidente galego reivindicou en Soutomaior que unha Galicia mellor se constrúe cunha educación pública “con máis linguas, con máis tecnoloxía, con máis materias científicas e con mellores salarios para os docentes”. Feijóo aseverou que con todos estes avances se conseguirá consolidar todo o que se logrou nestes últimos anos: unha Galicia co menor abandono escolar desde que hai rexistros, ao terse reducido desde case o 26% ata por debaixo do 15%. Feijóo apostou por un ensino de máis calidade e máis equitativo, tal e como recoñece o informe PISA; e que apoia as familias, co maior sistema de transporte escolar gratuíto de España e cun sistema de fondos de libros e axudas que o ano pasado chegou a case 140.000 fogares.