Hoxe é Venres 29 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Lenda celebra o Día Mundial da Saúde Mental dedicado á mocidade con xogos interactivos na rúa

RR_Noticias

Mañá mércores celébrase esta efeméride baixo o lema “Educación inclusiva, saúde mental positiva”, para reivindicar unha educación que aposte polos valores e que traballe a diversidade. Entre o 10 e o 20% dos nenos, nenas e adolescentes teñen problemas de saúde mental. A asociación de axuda ao enfermo mental Lenda súmase á campaña con actividades na rúa, unha mesa informativa e un xogo interactivo para concienciar á xente desta problemática.

A Federación de asociacións FEAFES Galicia, da que forma parte Lenda, reivindica unha educación “inclusiva” para previr os problemas de saúde mental neste Día Mundial, que este ano xira en torno á mocidade. Baixo o lema “Educación inclusiva, saúde mental positiva”, reivindican unha educación que aposte polos valores, que traballe a diversidade e a inclusión e que teña en conta os retos dunha sociedade que cambia a gran velocidade, para conseguir así unha saúde mental máis positiva nas xeracións futuras. Os datos revelan que entre o 10 e o 20% dos nenos, nenas e adolescentes teñen problemas de saúde mental. A metade das enfermidades mentais presentan síntomas antes dos 14 anos, e tres cuartas partes comezan antes dos 24. Por iso entende que neste contexto, o sector educativo xoga un papel “fundamental”. Teñen o reto reto de crear un ambiente escolar onde “os mozos e mozas se sintan cómodos, respectados e integrados.” Jaime Figueroa, da asociación Lenda, explica que para previr os trastornos mentais a idades temperás, é importante “involucrar ás familias e ás institucións educativas na etapa de prevención”, posto que a escola é un dos lugares onde os adolescentes pasan gran parte do seu tempo relacionándose cos seus iguais. Son moitos os factores sociais e ambientais que poden desencadear unha enfermidade mental: os malos tratos no ámbito familiar ou escolar, o acoso ou discriminación, o culto a imaxe, a exposición ás novas tecnoloxías, ou as adiccións. Nos últimos tempos ao consumo de alcol e drogas súmanse tamén a exposición dos rapaces á ludopatía, pola proliferación de casas de apostas nas redes que se publicitan nos medios de comunicación e eventos deportivos. Aproveitan a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental para reivindicar a urxente necesidade de que a saúde mental dos mozos e mozas estea na axenda política. É necesario desenvolver técnicas de detección temperá e intervención precoz para previr os problemas de saúde mental, para o cal é preciso o investimento de recursos humanos e financeiros. E convidan á cidadanía a participar nas actividades coas que conmemoran esta xornada. Lenda sairá á rúa cunha mesa informativa e un xogo para concienciar ao público de todas as idades desta problemática. Tamén realizarán actividades nos centros de ensino dirixidas ao público infantil e xuvenil. O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, entre elas Lenda, e conta cun total de 5.900 socios.

Jaime Figueroa de Lenda
Este ano dedícase o Día Mundial da Saúde Mental á mocidade
Factores de risco
Son moitos os factores sociais e ambientais que poden desencadear unha enfermidade mental nun neno ou adolescente.
Xogos na rúa
Lenda Lenda sairá á rúa cunha mesa informativa e un xogo para concienciar á cidadanía desta problemática.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará