Soutomair acolle hoxe ás 13.00 horas un pleno extraordinario, a petición do BNG, para tratar os problemas que se están a dar no novo IES. A situación afecta a moitas familias do municipio por deficiencias no centro, como a falta dun patio cuberto ou un salón de actos, e polos recortes nos servizos de comedor e de transporte.
Ante as queixas da comunidade educativa e as mobilizacións que protagonizaron desde o comezo do curso, o grupo municipal do BNG decidiu convocar un pleno extraordinario para esixir que se solucionen estes problemas. As familias e a ANPA solicitaron tamén por rexistro que o pleno se celebrase ás 20.00 horas para favorecer a súa asistencia. Malia esta petición, o alcalde Agustín Reguera convocou o pleno para as 13.00 horas, o que dificulta que as familias poidan asisitir, decisión criticada polo voceiro do BNG Manu Lourenzo. O edil do Bloque sinalou tamén que o que está a acontecer co transporte, tanto coa supresión de paradas como coa tardanza da viaxe entre Arcade e Soutomaior “son un chanzo máis na cadea de recortes do PP”. Advirte que “non van tolerar esta situación”, e lembra que levan anos advertindo dos problemas que se ían dar “por meter con calzador e a última hora un instituto de 16 unidades nun proxecto pensado para 12”.