Hoxe é Mércores 20 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela celebra o Día da Ciencia en Galego nas escolas e insitutos con charlas e maxia

RR_Noticias

Dende o Servizo de Normalización Lingüística celebran diferentes actividades nos centros de ensino. Para os cursos de primaria e infantil, haberá actuacións do Mago Paco a próxima semana cun espectáculo titulado “Maxia vs. Ciencia”. Cos de secundaria estivo o científico Xurxo Mariño, e deixoulles algunhas reflexións sobre a mente e a linguaxe.

Mariño, Doutor en Neurofisioloxía e mestre de Medicina na Universidade da Coruña, estivo co alumnado do IES de Chapela e o do IES Mendiño. A súa charla “As miñas linguas e mais eu” trasladou aos rapaces que a linguaxe é “a esencia do noso pensamento”, e que todas as linguas son válidas para expresarse en calquera ámbito do coñecemento. Explicou como emerxe esa capacidade nos primeiros anos de vida, e que coñecer máis dunha lingua “é unha grande vantaxe” xa que estimula máis o noso cerebro. Por iso, cantas máis linguas coñezamos e desde máis cedo, mellor. Apunta que é “extraordinaria” a capacidade do ser humano para aprender diferentes linguas de xeito simultáneo, xa desde bebés, e que non crea “ningún conflito” segundo está demostrado cientificamente. É máis, avoga por unha educación na que non se restrinxa o uso de ningunha lingua, especialmente “ás do noso entorno, como o galego”. Cos máis pequenos estará a próxima semana o Mago Paco cun espectáculo que mestura dúas disciplinas: a Ciencia e a Maxia. O artista demostrará o moito que se parecen as dúas cousas ao tempo que se achega a estas disciplinas dunha maneira “diferente e divertida”. Coa axuda dun científico tolo os rapaces descubrirán os misterios que se agochan detrás de fenómenos como o son, as cores, ou os efectos ópticos e de 3D. O Mago Paco estará o próximo martes, día 6, no CEIP Quintela, o mércores 7 nos CEIP de Porto Cabeiro e Reboreda, e o xoves 8 no Colexio Vigo e o CEIP Igrexa.

Xurxo Mariño Doutor en Neurofisioloxía
O científico explica que todas as linguas son válidas para expresarse en calquera ámbito da vida.
Cantas máis mellor
Cantas máis linguas coñezamos e desde máis novos mellor.
Beneficios neurolóxicos
Avoga por unha educación na que non se restrinxa o uso de ningunha lingua especialmente ás propias do noso entorno como o galego.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará