A Asociación Cultural e Social de Chapela, a través de AZ Lengua de Signos, pon en marcha unha nova actividade dirixida a rapaces de 4 a 12 anos de idade, onde os máis pequenos poderán aprender, a través de xogos e música, a lingua de signos.
Neste novo curso pretenden que, dun xeito lúdico e divertido, os nenos poidan aprender lingua de signos “ao tempo que se potencian as súas habilidades comunicativas”. Aránzazu Casas, responsable de AZ Lengua de Signos, explica que esta actividade serve para ampliar as súas relacións sociais, avivar a expresión xestual e corporal, exercitar a memoria e a atención visual. Tamén mellora a coordinación e a lateralidade dos rapaces, así como a súa capacidade de concentración. Deste xeito a Asociación Cultural e Social de Chapela crea no Multiúsos do Piñeiral do Crego un novo espazo para os nenos. Alí pasarán momentos “amenos e educativos” a través de actividades lúdicas, contos, artes plásticas, xogos teatrais e música. Para máis información os interesados poden dirixirse ás oficinas da asociación, no Multiúsos de Chapela, ou no teléfono 656830810.