A praza do Concello acolle esta tarde a concentración mensual contra a violencia de xénero que convoca o Consello Municipal da Muller. O acto, ás 19:30 horas, incluirá ademais da propia concentración a lectura dun texto que será colleita, neste mes, da Asociación de veciños de Negros.
O Concello de Redondela convida a toda a veciñanza a unirse á concentración en contra da violencia de xénero correspondente ao mes de novembro. Esta iniciativa, ideada e consensuada polo Consello Municipal da Muller no que participan colectivos de mulleres redondelás, partidos políticos e sindicatos, ten como obxectivo aumentar a visibilidade deste tipo de violencia e tamén sensibilizar á poboación sobre que a eliminación destas condutas violentas contra a muller, depende de todas e todos. Tamén se quere mostrar a repulsa da cidadanía redondelá cara a violencia de xénero e o seu apoio a todas as persoas vítimas desta lacra social. O acto, que se desenvolverá esta tarde na praza do Concello, ás 19:30 horas, incluirá ademais da propia concentración a lectura dun texto que será colleita, neste mes, da Asociación de veciños de Negros. E como símbolo se gardará un minuto de silencio e se procederá a colocación dunha lona en contra da violencia de xénero no balcón do Concello. Para máis información poden dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) na rúa Isidoro Queimaliños, 2, ou no teléfono 986 40 80 43.