Os pais e alumnos do colexio de Cedeira volveron concentrarse onte pola tarde na porta do Concello de Redondela, por sétimo luns consecutivo, para rexeitar a decisión da Consellería de Educación de eliminar unha praza de profesor no centro. Hoxe, coincidindo coa visita duninspector de Educación para reunirse coas familias afectadas, os pais decidiron non enviar aos seus fillos ao centro.
Os pais e alumnos do colexio de Cedeira volveron concentrarse onte pola tarde na porta do Concello de Redondela, por sétimo luns consecutivo, para rexeitar a decisión da Consellería de Educación de eliminar unha praza de profesor no centro e suprimir o desdobre existente en sexto curso de Primaria. Ademais colocaron varias cruces reivindicativas na rotonda da estrada N-552, xunto ao establecemento Mercadona. Como veñen facendo desde hai semanas, cumpriron unha xornada máis coa tradición dos “luns negros” e os alumnos acudiron de loito ao colexio en sinal de protesta polos recortes en educación que este ano sofre o seu centro de ensino.As mobilizacións da comunidade educativa continúan na xornada de hoxe, xornada na que está prevista a visita dun inspector da Consellería de Educación para manter unha segunda reunión cos pais afectados. As familias decidiron non enviar hoxe aos seus fillos ao centro, en sinal de protesta pola situación. Consideran que, malia os esforzos do profesorado do centro por axustar os horarios, a calidade do ensino e da atención que recibe o alumnado empeorou ao eliminarse unha praza de profesor. A proposta da administración autonómica, que ofrece un mestre a media xornada, tampouco satisfai ás familias, e non aceptan a xustificación da Xefatura Territorial de Educación. Os responsables de ensino alegan que é preciso “optimizar os recursos dos que dispón o centro”. A úinica solución válida para as familias é “que restableza o profesor a xornada completa”. Entenden que o centro “non debe priorizar as necesidades duns alumnos sobre as doutros”, e que a praza de mestre suprimida é necesaria “para atender a toda a diversidade existente no centro como viña facendo en anos anteriores”.