O Concello manterá a relación de bens exposta na súa páxina web durante un mes co obxecto de que os veciños o supervisen e presenten cantas alegacións consideren oportunas. O patrimonio municipal incrementouse en case 2,8 millóns de euros desde a última actualización, e ascende a un total superior aos 16,5 millóns de euros.
O Concello de Soutomaior acaba de facer pública a última actualización do seu inventario de bens municipais. Un catálogo no que se inclúen os edificios que albergan dependencias administrativas, instalacións deportivas, parques, locais cedidos a asociacións, mercados e elementos singulares de difícil valoración como fontes, mananciais e lavadoiros de titularidade municipal. A relación de bens establece un total de 457 elementos, dos que a maior parte son vías públicas, un total de 290, e propiedades en leiras urbanas e rústicas, que suman 130 entre ambas. Ademais tamén se inlúen equipos informáticos ou infraestruturas de camiños, saneamento, iluminación e abastecemento de augas de titularidade municipal. O documento sométese agora a exposición pública durante un mes co obxecto de que os veciños o supervisen e presenten cantas alegacións consideren oportunas para enriquecer unha relación que, tal e como sinala o alcalde, Agustín Reguera, “é unha ferramenta fundamental para que o Concello poida racionalizar o uso dos seus bens da maneira máis óptima, aproveitando ao máximo o potencial das propiedades municipais para darlles o mellor uso posible”. A recompilación de datos tamén permite coñecer o valor aproximado de todas as propiedades do Concello. Tras esta actualización, o valor das propiedades municipais ascende a un total de 16.540.367 euros, o que supón un aumento de case 2,8 millóns de euros en comparación coa actualización anterior, realizada en 1997, que estimaba un patrimonio valorado en 13.768.746 euros. O aumento patrimonial débese “ás diversas melloras realizadas estes anos como novos viarios, urbanizacións, actuacións que supoñen unha revaloración do patrimonio ou o centro da terceira idade”, segundo explicou Reguera.