Coa resolución favorable deste club que impulsa a Secretaría de Estado de Turismo, o castelo de Soutomaior intégrase ademais nas accións de promoción futuras desta oferta turística cultural. Isto permitirá situar ao recinto histórico de Soutomaior ao mesmo nivel de castelos tan coñecidos como o de Peñafiel ou o de Belmonte.
A Deputación de Pontevedra vén de coñecer a resolución positiva do “Club de Producto Turístico de Grandes Castillos y Palacios de España” para que o castelo de Soutomaior forme parte da mesma como socio colaborador. Para a presidenta o ente provincial, Carmela Silva, este feito “é unha manifestación máis de que os pasos que seguimos a dar para situar a Soutomaior como un dos grandes referentes turísticos da provincia de Pontevedra están a dar os seus froitos”. A Deputación converte así ao castelo de Soutomaior nun atractivo turístico de primeira orde e o sitúa na oferta de castelos tan coñecidos como o de Peñafiel ou o de Belmonte. Silva amosou a súa satisfacción por este recoñecemento “que converte, máis se cabe, a Soutomaior nun atractivo turístico de primeira orde a nivel estatal”. Nesta semana se clausuraron as visitas teatralizadas, con todas as prazas esgotadas e case 5.000 persoas en lista de agarda, e vai ter lugar, o vindeiro domingo con motivo do Día Europeo do Enoturismo, unha cata a cegas en colaboración coa Ruta do Viño Rías Baixas que tamén esgotou as cen prazas en canto se ofertaron.