Os de “Gonza” impuxéronse onte ao Paiosaco en Santa Mariña, e mantéñense no ecuador da táboa. Victorias tamén nas diferentes categorías autonómicas para o Arcade, o Atl.de Vilar e o Chapela. En balonmán gañou a SAR de Prata Feminina e o Chapela de Primeira Nacional Masculina.
Terceira Nacional
Choco 3-2 Paiosaco
O Choco obtivo ante o Paiosaco a cuarta vitoria na casa desta temporada grazas aos goles de Gabri Palmás, Aitor Cañedo e Félix. Os de Gonzalo Fernández “Gonza” fanse fortes en Santa Mariña, pero aínda non acadaron ningunha vitoria como visitantes. Onte o Choco dominou o partido desde o comezo, e tivo varias ocasións que conseguiu materializar. Gabri Palmás abriu o marcador aos seis minutos de xogo, pero Manuel Eiroa igualou antes do cuarto de hora. A aparición do central Cañedo e o tanto de Félix Rial ao comezo da segunda parte poñían o partido de cara para os redondeláns, pero o gol de Eloy xa nos últimos minutos de xogo complicaba as cousas. O Paiosaco buscou unha igualada sobre a bucina que non chegou, e o Choco avanza até a décima posición, con tres puntos de renda sobre o descenso, na metade da táboa. Na próxima xornada visita o campo do Compostela, un dos equipos máis fortes do grupo.
Choco: Cortegoso, Nacho, Fiuza, Cañedo, Lazcano, Caloi, Zamorano (Carlos Cora, min. 60), Gabi Misa (Carlos Pérez, min. 72), Félix (Antón, min. 82), Comis, Gabri.
Paiosaco: Rama, Bilal Belkalcha, Miguel Sánchez, Alberto Rei, Sergio Ramón, Javi Fontes, Pablo Rodríguez (Vázquez, min. 80), Aythami, Manuel Eiroa (Díaz, min. 72), Sayes (Pombo, min. 75), Iván Torres.
Goles: 1-0, min. 6: Gabri; 1-1, min. 14: Manuel Eiroa; 2-1, min. 63: Aitor Cañedo; 3-1, min. 65: Félix; 3-2, min. 89: Eloy.
Primeira Autonómica
Erizana 1-3 Arcade
Antolín, Campos e Taran fixeron os tantos para que o Arcade vencese no campo de Aral. Diego Bouzada, de penalti, reduciu distancias para os de Baiona. O Arcade é agora 11º, na próxima xornada reciben ao S.Martín, dous postos por baixo dos de Soutomaior.
Segunda Autonómica
Atl. Vilar 6-1 Pontellas B
Excelente partido dos de Mon Sanromán, que dominaron de principio a fin. Os erros do filial do Pontellas aproveitounos o equipo de Vilar para ofrecer unha goleada aos seus seareiros no campo de San Martiño. Alex, en dúas ocasións, Fernando, Mirou, Héctor e Samaniego marcaron para o equipo redondelán. Matheus fíxoo para os porriñeses. O Vilar está agora no posto 13º, na próxima xornada visitan o campo do Progresista, afundido na parte baixa da táboa.
Cesantes 1-2 Bamio
Derrota do Cesantes, que se sitúa na 11ª praza do grupo. E terá un desprazamento complicado na próxima xornada porque visitan o campo do Vilaboa, 4º na táboa.
Terceira Autonómica
Balaídos 3-5 Chapela
Triunfo a domicilio do Chapela que adianta así aos vigueses na táboa logo dun partido con moitos goles. O Chapela xa é 7º. O domingo recibe ao S.Roque-Casablanca, cos anfitrións na metade baixa da táboa.
Fúbol Sala Terceira División
Cub Polideportivo Casás 2-2 Campito
Reparto de puntos no encontro disputado polo equipo de Chapela en Lugo. Na próxima xornada reciben na casa ao Estrada Futsal, pechacancelas do grupo. Será o domingo ás 19.00 horas.
O Pazos, lider do grupo cun partido menos, desprázase a próxima fin de semana para xogar na pista do Vilalba, situado no ecuador da clasificación. Sábado ás 18.30 horas.
Balonmán Prata Feminina
SAR 25-22 Cleba
A redondelás da SAR Rodavigo gañaron ao Rodríguez Cleba por 25-22 nun partido cun primeiro tempo moi axustado. Pouco a pouco as de Elisardo Covelo “Chini” fóronse desmarcando, cun xogo moi eficaz no segundo tempo. A victoria déixaas no oitavo posto da clasificación con 7 puntos.
Valladolid 30-27 Chapela
Peor sorte para o Chapela, que perdeu en Valladolid, e segue como pechacancelas con cero puntos. O próximo sábado acollerán no seu pavillón o primeiro derbi local da temporada ante a SAR.
Balonmán Primeira Nacional Masculina
Chapela 37-26 Bueu
O Rodosa Chapela conseguiu sumar unha contundente vitoria ante o Bueu Atlético Balonmán. Desde o minuto 20, os de Chapela puxéronse por diante no marcador, e consolídanse na quinta praza da liga con 13 puntos. Na próxima xornada visitan a pista do U.Financiera, que suma un punto máis que os de Fran Teixeira.
Primeira Autonómica
Aprazado o partido da SAR en Moaña, os redondeláns xogarán a próxima xornada na casa ante o Atl.Novás.