A Agrupación de Electores de Redondela considera “fundamental” a pronta convocatoria da Comisión de Seguemento das obras da AP-9 de cara a concretar os proxectos da “adenda” e tratar as futuras expropiacións derivadas das obras “antes de que Fomento e Audasa volvan causar atropelos aos afectados”.
AER vén de solicitar por rexistro ao alcalde de Redondela, Javier Bas, que no prazo de dez días hábiles convoque a comisión, xa que é potestade súa facelo, como presidente. Roberto Villar, membro da Agrupación de Electores, advirte que na anterior sesión celebrada en outubro, os asistentes acordaron da necesidade de facer outra reunión. O rexedor local pediu tempo para ter datos precisos sobre a “adenda da AP-9”. Unha vez aprobada esta “adenda” no Consello de Ministros do pasado 26 de outubro, AER insiste en que é preciso “a exposición na Comisión de Seguimento de toda esta información”. Explica Villar que a documentación “non foi tratada ao completo nas comisións anteriores, nin entregada a esta AER”, malia ter solicitado por rexistro en diversas ocasións. Advirte ademais que varias actas de anteriores xuntanzas desta comisión non están aprobadas, entre elas as que inclúen as solcitudes de expropación de varias familias de Fonte Cornido e Cabanas.