O Concello de Redondela mantén aberto o prazo para a solicitude de subvencións para festivais non profesionais ata o próximo 5 de decembro. Con esta subveción búscase “mellorar os actos culturais de formato festival que se promoven dende asociacións e colectivos sen ánimo de lucro”.
Esta liña de subvención está dotada cun total de 15.000 euros, e os festivais obterán a subvención en función dos puntos acadados no baremo que establece as bases. Na puntuación contarán aspectos como a traxectoria, a duración ou antigüedade do festival, a publicidade nos medios de comunicación, a difusión en redes sociais e as actividades complementarias que se organicen ao redor do festival, entre outros aspectos.