Diferentes parroquias de Redondela acollerán durante as vacacións escolares o programa municipal de conciliación Nadal con Simona. As ludotecas, para rapaces de entre 4 e 14 anos, funcionarán do 24 de decembro ao 4 de xaneiro, en horario de 09.00 a 14.00 horas. A inscrición está aberta ata o 30 de novembro.
A Concellaría de Muller e Igualdade abriu o prazo de inscrición para participar nesta actividade que ten como principal obxectivo promover a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións de Nadal. Este Programa, ao que hai que inscribirse previamente, ofértase para menores de 4 a 14 anos, cuxa nai ou pai estea empadroado en Redondela cunha antigüidade mínima dun ano. O Programa desenvolverase do 24 ao 31 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro de 2019, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, nas parroquias de Cedeira, Cesantes, Chapela, Negros, O Viso, Reboreda, Redondela, Saxamonde, Ventosela e Vilar de Infesta. Hai 15 prazas dispoñibles en cada unha das parroquias, agás en Redondela, onde dispoñen de 30 prazas no Multiúsos da Xunqueira. Para poder participar é preciso presentar no Rexistro xeral do Concello en Redondela ou Chapela a ficha de solicitude de participación, que se pode descargar da páxina web do Concello ou recollela nas oficinas do Centro de Información ás Mulleres (CIM). O prazo de inscrición remata o venres 30 de novembro. A listaxe de admitidos publicarase o venres 14 de decembro. Para máis información poden dirixirse ao CIM na rúa Isidoro Queimaliños, ou no teléfono 986 40 80 43.