Un mediocentro reconvertido en defensa e un xuvenil supliron as carencias defensivas do Choco na vitoria ante o Arousa. Gonzalo Fernández “Gonza” recorreu a esta solución pola acumulación das últimas baixas que padece nesta posición coa sanción de Aitor Cañedo e a lesión de Fiuza.
Alberto Suárez, técnico e habitual mediocentro, e Samu Santos, defensa do plantel de formación, axudaron ao equipo. Na vitoria ante o Arousa por 1-0 tivo tamén un protagonismo especial Cortegoso, cunha actuación maxistral e varias paradas na segunda parte do encontro que foron “vitais” para evitar o empate. O equipo sumou tres puntos e é 10º na táboa, con 18 puntos. “Gonza” amósase satisfeito, xa que se trata dun equipo “practicamente novo e con novo técnico”, e marca o obxectivo da permanencia como prioritario. Por iso busca sumar antes do parón de Nadal os 22 puntos que lle dean tranquilidade para a afrontar a segunda volta con garantías. O próximo rival é o Racing Club Ferrol, e agárdase un partido moi complicado, tanto pola calidade do anfitrión como polo longo desprazamento a terras coruñesas e as características do campo, de grandes dimensións. O encontro será o domingo no campo da Malata ás 17.00 horas.