O Multiúsos da Xunqueira acolle ao longo deste mes de decembro una exposición do fotógrafo redondelán Mundo Cal, co gallo da súa xubilación. Organizada pola Sociedade Cooperativa Cal3, a mostra pretende ser una homenaxe a toda unha vida de traballo vencellado á fotografía. A exposición ten tamén unha vertente solidaria, xa que os fondos recadados coa venda das fotografías destinaranse a varios proxectos de axuda humanitaria.
“MIRAR. 40 anos de fotografía” é o título da exposición que recolle máis de 400 imaxes do redondelán Raimundo Cal. Toda unha vida dedicado a un oficio no que sempre transmitiu, cunha ollada crítica, a realidade da súa contorna máis próxima en infinidade de situacións. Pero tamén outras realidades máis afastadas, as a que a súa cámara captou nas viaxes a Latinoamérica, Marrocos, Sáhara e moitos lugares da xeografía peninsular. A súa preocupación pola cultura e o ben común pálpase xa nas súas primeiras imaxes dos anos 70, retratando conflitos sociais e laborais como o de Telanosa, a revolución en Nicaragua nos 80, ou reflectindo o proceso de destrución da paisaxe mariñeira que tiña a vila de Redondela. Quino Vilas, un dos organizadores da mostra, explica que de entre todas esas imaxes quixeron extraer unha mostra como recoñecemento “á calidade humana e profesional de Mundo Cal”. Imaxes que transmiten sentimentos de diferentes épocas e lugares do mundo, polo que é preciso “parase e pensar” para gozar desta mostra única. Ademais das fotografías expostas en diferentes formatos, o visitantes poderá ver outras 800 imaxes que se proxectan na sala de xeito ininterrumpido. Ao igual que o traballo de Raimundo Cal, a exposición ten tamén unha vertente solidaria, xa que os fondos recadados coa venda das fotografías destinaranse a varios proxectos de axuda humanitaria.