O pleno da corporación acordou por unanimidade o nomeamento de Diego San José de La Torre (Madrid 1884-Redondela 1962) como “Fillo adoptivo” da localidade. Un recoñecemento que chega para este xornalista e escritor a proposta de 16 colectivos culturais e sociais de Redondela, e que supón tamén unha homenaxe a todos os represaliados do franquismo.
A voceira PP, Carmen Amoedo, foi a encargada de ler a proposta do nomeamento de San José como “Fillo adoptivo”, destacou a importancia da obra do escritor e xornalista e a súa vinculación con Redondela. Escribou máis de sesenta novelas e milleiros de artigos. Foi unha das vítimas do franquismo, condenado á pena de morte, que sería conmutada por cadea perpetua, polo que estivo varios anos no cárcere de San Simón. Quedaría en liberdade condicional no ano 1944. San José estableceu a súa residencia definitiva en Redondela, axudado por Ernestina Otero e José Regojo, integrándose na vida laboral, social e cultural da vila. O edil non adscrito, Enrique Fojo, fixo unha breve intervención para sinalar que “é de xustiza” este recoñecemento. Desde o BNG amosaron a súa satisfacción polo recoñemento a San José. Xoán Carlos González puxo tamén o acento en que foi o movemento social redondelá o que o impulsou co apoio de 16 colectivos como Alén Nós, Asociación Xente Titiriteira, o Artelixo, Redondela en Curto a Federación de AA.VV, Asociación cultural Alejandro Otero Fernández, ou a Asemblea Feminista Paxaretas. O valor da iniciativa popular tamén foi recollida por AER, e o edil Xosé Covelo salientou a importancia de nomear a San José como “Fillo adoptivo” xa que para todos os veciños de Redondela o escritor e xornalista era “un máis”. Desde o grupo socialista felicitáronse polo recoñecemento a San José. O concelleiro Isaac Araújo sinalou que para o PSOE redondelán o excritor e xornalista foi “un gran home e un gran demócrata”. Propuxo tamén que o recoñecemento a Diego San José inclúa a colocación dunha placa na casa onde viviu e faleceu, na rúa Alfonso XII, e a instalación dun busto ou unha estatua na remodelada Alameda Castelao.