O grupo nacionalista redondelán inicia este venres, día 7, unha campaña contra a suba do recibo da luz. Contará con dous actos, o primeiro terá lugar en Chapela, diante do centro de saúde a partir das 10 horas e o segundo en Redondela, nos soportais do Concello a partir das 17 horas. Como solución propoñen a creación dunha tarifa eléctrica galega.
Trátase dunha campaña que o BNG está a desenvolver por toda Galicia, na que se recollen sinaturas para frear o que consideran “un abuso”, co agravante de que os galegos teñen os salarios e as pensións “máis baixas de todo o Estado”. Explican desde o Bloque que en Galiza págase a electricidade un 31% máis cara que hai oito anos, “malia que somos o maior produtor de electricidade”. Dende o BNG propoñen como solución “a creación dunha tarifa eléctrica galega, a eliminación dos suplementos territoriais e a baixada do IVE do 21% ao 4%”. Estas medidas, segundo afirman, “son imprescindibles para que se poida garantir o subministro da electricidade a toda a poboación”. O Bloque redondelán anima a toda a veciñanza a participar nesta campaña, asinando en contra do que cualifican de “estafa” pola suba do recibo da luz por parte das empresas subministradoras (Iberdrola, Endesa e Gas Natural Fenosa), que forman “un autentico monopolio”, segundo o BNG, e que no ano 2017 tiveron uns beneficios de máis de 5 mil millóns de euros, “co visto e prace dos distintos gobernos centrais”.