O que debería ser unha feira de Nadal na que artesáns e veciños se deran cita nestas datas previas as festas converteuse en dúas xornadas de mal tempo que obrigaron incluso a pechar moitos dos postos, sobre todo na xornada do sábado, ante as fortísimas precipitacións e a ausencia de público polo mal tempo. Un dos máis afectados, polo tipo de produto que traballan elaborado en papel, é a Asociación Lenda. Decidiron levantar o posto e durante toda esta semana ofertará os seus produtos no local de Scarpa na praza Reveriano Soutullo.
Dende Lenda critican a “mala xestión por parte da organización por non ter adoptado ningunha medida ante unhas previsións meteorolóxicas nefastas e que se coñecían dende había días”. Explica Jaime Figueroa que tentaron no propio sábado poñerse en contacto co concelleiro responsable para estudar un posible plan B, pero que a única resposta que recibiron é que a feira estaba programada e seguía adiante. Malia todo pola tarde os máis de trinta postos existente permaneceron pechados porque a situación do tempo con fortes precipitacións, ventos e incluso sarabia desaconsellaba manter a venda “practicamente a intemperie”. Para dar saída a todos os produtos que prevían vender na fin de semana organizan dende hoxe e ata o vindeiro venres un mercadiño nun local comercial na praza de Reveriano Soutullo onde se poderán adquirir axendas, albumes de fotos, xabróns, tazas… e diferentes artigos realizados polos usuarios de Lenda. Figueroa apunta que de cara o futuro e celebrándose esta cita comercial nunha datas onde o mal tempo é un risco debería apostarse por “dignificar a feira” instalando postos máis consistentes ou outro tipo de espazos que garantan a súa celebración.