O voceiro do Bloque, Manu Lourenzo denuncia que a pesar de que Augas de Galicia prometeu un investimento de 2,5 millóns para o saneamento da ría, esas partidas non aparecen especificadas por ningures nos orzamentos da Xunta. Denuncian que os bancos marisqueiros de Arcade está a verse comprometidos polas deficiencias e problemas nas depuradoras.
Lourenzo cualifica de absolutamente intolerable que o PP faga un anuncio para renovar as depuradoras de Arcade e Comboa e que agora non se especifiquen esas partidas orzamentarias. “Están xogando ao de sempre, a enganar con partidas xerais e abstractas porque saben que dese xeito non comprometen nada e poderán facer o que queiran; investir os cartos aquí ou non”.
Chama a atención ao seu entender que si aparezan partidas concretas para outros sitios como a ampliación da EDAR de Praceres ou as melloras na EDAR de Rianxo, e que pola contra o concello de Soutomaior non apareza nestes investimentos “só aparecen 0,5 millóns de euros que nin sequera non son para investimentos senón para mantemento”.
Engade Manu Lourenzo que a situación da ría e dos bancos marisqueiros é limite e está condicionada tanto polas deficiencias na separativa de augas como nos problemas dunhas EDAR obsoletas ata o punto de que neste ano están padecendo unha mortaldade da ameixa tan grave “que está a poñer en serias dificultades a centos de familias do noso concello”.
Manu Lourenzo tamén anunciou que xa se puxo en contacto co Patrón Maior l da confraría, Alberto Cal para trasladarlle esta problemática, e comprometeuse a facer todo o que estea na súa man para que estes investimentos tan necesarios non se demoren nin un día máis.