O voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González, acusa ao goberno local de Redondela de “chantaxear á oposición” co traslado das oficinas de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller “para sacar adiante os orzamentos”. González denuncia que se dea prioridade a proxectos “con máis rédito electoral” mentres se atrasa o traslado destes servizos municipais á nova urbanización de Regojo.
O atraso no traslado de dúas unidades de Servizos Sociais, xunto ao Centro de Información ás Mulleres aos baixos da nova urbanización de Regojo, “constitúe un claro exemplo do desprezo máis absoluto que o goberno municipal de Redondela amosa con estes departamentos”, aseguran dende a organización nacionalista. Segundo expuxo o edil do BNG, “no 2005 negociouse coa constructora levar o departamento para esta urbanización por medio dun convenio de cesión. Dende hai un ano o goberno de Javier Bas, dispón dun local de 300 m2 e manexa un anteproxecto elaborado por técnicos municipais, ademáis de orzamento para poder realizar a obra”. Recorda o edil que xa no debate dos orzamentos do 2016 “o goberno de Bas pretendía trasladar en precario o departamento ao Multiúsos de Redondela”. Advirte que hai máis dun ano que dispoñen deste local, froito dunha compensación urbanística, e que se “despreocupan” da obra. Para González é “indigno” instrumentalizar un departamento “prioritario” no organigrama do Concello, para sacar “tallada política”. Lamenta que mentras o departamento de Servizos Socias e o Centro de Información á Muller atópanse “desbordados” nas instalacións da rúa Isidoro Queimaliños, o goberno local non emprega 200.000 euros para as obras de traslado ao novo local.