As brigadas organizadas pola asociación ecoloxista “Verdegaia” volverán actuar este sábado e farano nos montes de Pazos de Borbén. A actuación busca eliminar os rebrotes de eucaliptos nunha zona especialmente sensible logo de que fora afectada polos lumes do 2017. Hai xa 40 inscritos e o límite para se anotar remata este martes día 8 na páxina de Verdegaia.
As Brigadas deseucaliptizadoras estréanse no Monte Veciñal en Man Común de Amoedo en Pazos de Borbén o 12 de xaneiro. As zonas a deseucaliptizar están enmarcadas nunhas 30 hectáreas, aínda que as actuacións centraranse no entorno da Senda Arqueolóxica de Amoedo, que comezou a súa andaina no 2011 e que pon en valor máis de 80 petróglifos e 20 mámoas. Para a intervención da Brigada do día 12 de xaneiro é imprescindible inscribirse previamente na páxina de Verdegaia e está previsto que os voluntarios participantes saian ás 09:30 horas dende a Casa Cultural de Amoedo Unha iniciativa que busca un resultado concreto, como é a eliminación de todos os rebrotes de eucaliptos así como concienciar aos participantes sobre a necesidade de recuperar as especies tradicionais nos nosos montes. Unha labor que fan ademais dende o traballo colectivo e a convivencia, xa que logo da actuación haberá un xantar e se o tempo acompaña farase un roteiro acompañados dun guía pola propia senda arqueolóxica para descubrir o importantísimo patrimonio que acolle.