O reconto ascende a un total de 7305 habitantes, retornando así ás cifras de crecemento tras dous anos nos que os nacementos non compensaron as cifras de baixas por falecemento ou cambio de residencia. Máis dun 4% dos seus veciños son estranxeiros, sendo a comunidade principal a procedente de Marrocos.
Os datos actualizados supoñen un incremento de 63 veciños no censo municipal conforme aos datos do 2017, nos que el se rexistraron 7242 habitantes. Ademais, supón o regreso da senda do crecemento de poboación que se detivo no ano 2015.
Na distribución por sexos destaca o aumento da poboación masculina até alcanzar case unha paridade total.
Poboación estranxeira
Unha das cifras máis destacables da poboación de Soutomaior é o seu alto índice de poboación estranxeira, que conta con até 30 nacionalidades diferentes. En total son 310 os veciños que residen no municipio, o que se traduce no 4,1% da cifra total de habitantes.
A principal comunidade é a dos nados no reino de Marrocos, que conta con 114 membros e supón o 1,5% da poboación. A continuación, sitúanse a comunidade portuguesa e a brasileira, con 33.
Para o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, estas cifras “son boa mostra da hospitalidade de Soutomaior e dos seus veciños, e é algo que tentamos promover desde o propio Concello con actividades como os clubs de lectura fácil da biblioteca, cos que lles axudamos a iniciarse e mellorar na aprendizaxe dos nosos dous idiomas”.