A Agrupación de Electores de Redondela aínda non está en condicións de asegurar que se presentarán ás próximas eleccións de maio. Será no prazo de 15 días cando tomen unha decisión ao respecto. Explican dende a formación que o proxecto que naceu hai 8 anos só ten sentido coa implicación da veciñanza e que precisan de caras novas para continuar traballando e volver concorrer aos vindeiros comicios.
A pouco máis de catro meses das eleccións locais a Agrupación de Electores aínda non conta cun candidato ou candidata. De feito, dende a propia formación aseguran que non están en condicións de confirmar que se presentarán a estes comicios. “Necesitamos xente nova que estea disposta a ir nos postos de saída da candidatura, a renovación de caras é un dos signos de identidade da Agrupación”.
A incerteza desvelarase en breve “antes de que remate o mes tomaremos unha decisión que estará determinada porque exista un compromiso por parte dos que xa estamos e as novas incorporacións a seguir traballando como ata agora” explica Noé Cano.
Unha incógnita que contrasta con outras formacións que dende hai meses xa presentaron aos seus candidatos: Javier Bas como alcaldable do PP, Digna Rivas, candidata dos socialistas e Xoán Carlos González que repite como cabeza de lista do BNG.