Os afectados inician a campaña de recollida de sinaturas que se verá apoiada con puntos de recollida nos edificios públicos así como stands na feira do día 21 de xaneiro e 6 de febreiro. Os comerciantes sumaranse á petición colocando carteis nos seus escaparates co lema “Basta peaXe Rande” e estase a organizar unha manifestación moteira para que se elimine esta “peaxe inxusta”. Concello e afectados estudan unha gran mobilización que se celebraría nos días previos a reunión da comisión mixta da Xunta e Fomento en Madrid na que teñen previsto estar presentes.
Arrancaba esta tarde a recollida de sinaturas baixo o lema “Basta peaXe Rande” e fíxoo cunha xuntanza no multiúsos da Xunqueira que quixo ser unha mostra de unión e forza dos colectivos afectados. Así, convocados polo alcalde, Javier Bas asistiron a esta asemblea representantes políticos dos distintos partidos da corporación, membros da Asociación de veciños de Chapela, Trasmañó e Cedeira, afectados pola AP-9 e o presidente da Asociación de Empresarios. Con todo, neste ocasión tamén houbo representación doutros municipios que se suman así a esta loita contra a peaxe da autoestrada en Rande. Asistiu o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés iglesias, representantes do concello de Soutomaior e o presidente da Asociación de veciños de Teis. Precisamente involucrar aos municipios limítrofes era un dos obxectivos marcados nesta nova fase da loita contra a peaxe, atendendo a que non só os veciños de Redondela se ven afectados ao ter que pagar por ese tramo de autoestrada “o máis caro de toda España por quilómetro”. Na súa intervención o alcalde fixo fincapé na necesidade de traballar conxuntamente e con intensidade nas próximas semanas de cara a lograr o maior número de sinaturas contra a peaxe. Con ese obxectivo haberá follas par asinar nos edificios municipais (concello, Multiúsos, rexistros, pavillóns…) e colocaranse stands de recollida de firmas na feira tanto do 21 de xaneiro como do 6 de febreiro. Pediu tamén a colaboración dos comercios para que coloquen nos seus escaparates e establecementos un cartel coa lenda que identifica esta campaña “basta peaXe xa”, unha proposta que partiu da propia asociación de empresarios. Outras propostas que se barallan é unha manifestación moteira e unha gran mobilización cuxa data está aínda por determinar, pero que se celebraría nos días previos á reunión que alcalde e colectivos sociais van ter en Madrid na comisión mixta da Xunta e Fomento.