O Círculo Cultural Recreativo de Chapela conta desde hai anos cun club, na modalidade de Billar a Tres Bandas, no que dous equipos compiten a nivel autonómica e estatal. Rogelio Fortes, da directiva do Círculo e membro do equipo, anima aos máis novos a achegarse a esta modalidade deportiva. Explica que require de moita práctica “física e mental”, e que é un deporte atractivo que obriga tamén “a facer cálculos de xeometría”.
Fortes convida ao público de todas as idades a achegarse ás instalacións do C.C.R. de Chapela, onde teñen as portas abertas para calquera que queira iniciarse no billar, e mesmo se ofrece a darlles “clases de iniciación”. Buscan a incorporación de novos compoñentes para o club, que poidan ir dando “o relevo xeracional” aos compoñentes de máis idade. A práctica desta modalidade de Billar a Tres Bandas non está moi extendida, e son poucos os locais que contan con mesas para poder xogar nesta disciplina debido ao seu elevado coste, superior aos 5.000 euros. Ademais, para participar nunha compeción oficial é preciso contar con dúas mesas destas características. No municipio de Redondela o Círculo de Chapela é o único que conta cunhas instalacións destas características. Outra posibilidade de iniciarse no billar de carambola é acudir ao Centro Recreativo Cultural de Redondela, onde poden practicar esta modalidade nunha mesa de dimensións máis reducidas “que resulta perfecta para os rapaces”. Liga Galega e Nacional No club de Chapela acadaron nos últimos anos un alto nivel, cun equipo na Segunda División Nacional, onde participan tamén equipos de Asturias, Castela e Extremadura. Na Liga Galega viviron esta pasada fin de semana unha gran xornada contra os actuais campións, o Billaristas Errantes. Nas dúas primeiras partidas conseguiron unha vitoria e unha derrota, o suspense chegou nunha das partidas de segunda rolda, unha delas perdíana, e estaban obrigados a gañar a outra para arrincar un empate. Ao final o resultado quedou 3 a 5 para o equipo vigués de Billaristas Errantes, que levou os 2 puntos na xeral e arrebatou o liderado ao equipo de Chapela.