A Agrupación de Electores presentarase aos vindeiros comicios municipais polo que abren agora o proceso de recoller as 500 sinaturas que precisan para poder concorrer como unha agrupación. Será a terceira vez que esta formación presente a súa papeleta logo de que así o decidiran en asemblea.
Aseguran que se presentan coa mesma filosofía que en comicios anteriores. Neste sentido comprométense a manter a renovación de concelleiros “tentando renovar a metade de mandato a todos os candidatos que puidesen resultar elixidos” e funcionando como “unha verdadeira organización asemblearia na que as decisión se toman por votación e de xeito mancomunado”.
Aseguran ademais que se comprometen a cumprir a palabra que dean durante a campaña “a primeira vez no 2011 comprometémonos a non apoiar a ningún candidato á alcaldía e no 2015 aseguramos que non entrariamos no goberno con ningunha outra forza política e así se fixo”. Unha posición que permitiu en ambos casos que o PP se mantivera ao fronte da alcaldía ao ser a forza máis votada malia non contar con maioría.
Falta agora coñecer cales serán as persoas que vaian nos postos de saída da lista que AER presente aos vindeiros comicios.