Os votos a favor de PP e PSOE permitiron sacar adiante unha proposta que levaba a pleno o grupo de goberno a iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística e que non contou co apoio do resto dos grupos da oposición. AER, BNG e o edil non adscrito, ademais de criticar o que consideran unha “moción cargada de cinismo ao presentala un grupo que no condena o réxime franquista que asasinou a Lorca” entenden que malia a importancia de Lorca para a literatura universal o homenaxeado no día das Letras debería ser un escritor ou escritora cuxa obras estea escrita maioritariamente en galego.
Os argumentos defendidos dende a Concellería de Cultura para propoñer a candidatura de Lorca como escritor homenaxeado no día das letras galegas céntranse na súa vinculación con Galicia, sendo o noso idioma o único empregado polo escritor máis aló do español. Neste sentido facía referencia a edil Teresa París a súa obra “Seis poemas gallegos” cuxa difusión, segundo dixo “permite que o noso idioma sexa coñecido en todo o mundo”. Malia coincidir o resto dos grupos en recoñecer o enorme valor e mérito que supón que o poeta más traducido en castelán escribira tamén en galego, deixando para a historia seis poemas escritos en galego, criticaban aos populares por obviar na súa proposta que o poeta foi asasinado polas súas ideas e pola súa homosexualidade por una réxime que “o PP se nega a condenar”. Tamén apuntaban dende os grupos da oposición (AER, BNG e edil non adscrito) que existen outros escritores cuxa obra é maioritariamente en galego, cunha produción neste idioma moito máis extensa e que merecen ser recoñecidos no día das Letra Galegas, polo que decidiron non apoiar a moción. Si o fixo o PSOE ao tempo que reclamaba do grupo de goberno que cando se fale de Lorca “non se esquezan de lembrar a súa adhesión política e o seu compromiso social”.