A Xunta de Galicia convocou no ano 2018 axudas dirixidas a entidades locais co fin de potenciar as políticas de inclusión social. Mediante diversas vías subvencionábanse proxectos de integración para a poboación xitana, inmigrante ou en risco de exclusión social. Segundo desvelou o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, o Concello de Redondela non solicitou estas axudas.
Para o BNG redondelán a conclusión é que o goberno de Javier Bas “renunciou a formar parte dos municipios que recibiron fondos públicos para apoiar a inclusión da comunidade xitana”. González advirte que se dá unha situación similiar cos programas para poboación inmigrante, programas para inclusión de persoas en risco de exclusión social, e programas de educación e apoio familiar dirixidos á inclusión social dos menores a cargo. O edil afirma que hai “unha desvinculación total e absoluta a desenvolver proxectos integradores”. Cualifica de “gravísima” a “deixación de funcións” por parte dos responsables municipais en materia de inclusión social. González lembra que nos orzamentos aprobados no ano 2018 existían partidas para inclusión social de 22.000 euros, ou para a inserción da poboación xitana, “que non se gastaron”.