Explican dende AER que hai muros cos que se parapetou recentemente o río que xa comezaron caer e que no paseo volveu aflorar “o lamentable entullo utilizado para a súa construción”. A agrupación xa advertira que o Maceiras desborda de xeito natural e que o axeitado sería un sendeiro natural sen necesidade de muros nin “beirarrúas”, advertencias que din “foron ignoradas polo goberno de Javier Bas”.
A Agrupación de Electores de Redondela (AER) puido comprobar esta mesma semana o lamentable estado que volve amosar o paseo do río Maceiras, despois das últimas riadas deste inverno. Unhas chuvias que volveron pór de manifesto que a solución elixida polo Partido Popular para este espazo é “un disparate, economicamente desastroso e prexudicial para o medio ambiente”.
Sendo este un ano pluviométrico normal, o paseo xa acusou o efecto da crecida do caudal do Maceiras. A forza da auga, como era previsible, tamén está a afectar aos muros de contención construídos polo goberno local supoñendo neste caso un problema engadido de seguridade para os usuarios do paseo.
Lembran dende AER que a primeira fase deste paseo xa tivo que ser reformada tralas inundacións do río no ano 2016. Daquela, o sendeiro compacto que o goberno decidiu construír a modo de beirarrúa no medio natural fora completamente arrasado, deixando ao aire o material de refugallo utilizado como baldosas, formigón, etc.
AER sempre estivo a favor da creación dunha actuación que facilitara o acceso e o lecer na contorna do río Maceiras, pero dun xeito moito máis económico e medioambientalmente máis sostible. A proposta de AER sempre foi a de facer un sendeiro natural, sen necesidade de construír muros de contención a modo de escollera e que alteran o curso natural do río.